photo_2016-10-25_11-31-30Hoxe en día os colectivos trans séguense enfrontando á discriminación dunha sociedade heteropatriarcal e capitalista que é a causa das numerosas agresións e asasinatos que se perpetúan cara ás persoas con identidades de xénero non binarias. Por se isto fose pouco, tamén vense afectadxs polas deficiencias dos sistemas sanitarios que tachan a estes procesos coma patoloxías e por leis que, de novo, non conseguen acabar co problema de raíz. Tampouco as políticas laborais contemplan medidas de integración para este colectivo co que isto supón: economía mergullada, falta de dereitos laborais, discriminación e acoso laboral, postos de traballo que non se corresponden coa sua cualificación.
Por iso, neste día reivindicamos:
-A eliminación dos diagnósticos que declaran a transexualidade e os procesos de cambio de sexo coma unha patoloxía, coma os recolleitos na APA e outras organizacións recoñecidas a nivel mundial (OMS).
-Unha atención sanitaria, afastada do diagnóstico clínico, que non implique segregación e con prácticas que garantan os principios de igualdade e de non discriminación. Por iso, rexeitamos a proba coñecida coma test da vida real, xa que ademais de ser discriminatoria conleva un gran sufrimento na persoa.
-A eliminación das tutelas psicolóxicas e psiquiátricas que coarten a autonomía e a capacidade de decisión de cada persoa.
-A eliminación de categorías médicas referentes á transexualidade, como “trastorno de identidade de xénero”, “incongruencia de xénero na adolescencia e a adultez” e “incongruencia de xénero na infancia”.
-A retirada de libros ou materiais que axuden a perpetuar estes estigmas.
-O recoñecemento legal do xénero sen necesidade de levar a cabo procesos médicos.
-Unha lexislación que contemple a vulnerabilidade deste colectivo e aplique medidas de discriminación positiva para a súa inserción laboral con garantías.
Dende Esquerda Anticapitalista Revolucionaria sumámonos ás reivindicacións das persoas trans e ás mobilizacións que leven a cabo. Máis aló da despatoloxización pola que loitamos, debemos ampliar a reivindicación e loitar por unha educación e un sistema laboral que teña en conta eficientemente a realidade das persoas de xénero non binario. É preciso continuar coa loita nas rúas para rematar con calquera tipo de discriminación producida polos sistemas capitalista e patriarcal.