photo_2016-08-01_01-20-10Hoxe celebramo-lo día da patria galega grazas á loita que, durante décadas, distintas organizacións nacionalistas levaron a cabo para manter viva a conmemoración deste día sen o apoio institucional.

A importancia desta data gaña máis relevancia, se cabe, no período actual onde o dereito dos pobos a decidir está de actualidade: Dentro do estado español cos debates sobre a autonomía de Euskal Herria e Catalunya, e fóra del co máis que coñecido Brexit. Todos estes acontecementos, relacionados co dereito a decidir, foron cruciais no plano político e social, tanto nacional como internacional, dende fai máis dun ano. O noso pobo debe tomar exemplo e reivindicar, un día como hoxe, o seu dereito á autodeterminación, mais tamén debemos reflexionar sobre qué tipo de autodeterminación precisa a nosa Galiza. Precisamente, o exemplo catalán, permítenos poñer de manifesto cómo o dereito á autodeterminación precisa ir directamente ligado coa cuestión de clase ou pola contra, nada mudará nas nosas vidas. Unha autodeterminación para as clases populares non pode ir acompañada da man da burguesía, nin de quen negocia con ela nas institucións. Cada cita electoral vivida neste ano deixounos máis claras as posturas dos chamados partidos de esquerdas no estado español e, por conseguinte, dos seus aliados máis próximos dentro das fronteiras galegas.

Non é suficiente con decidir sobre o noso territorio, temos dereito a decidir sobre as nosas vidas e realidades, sobre as nosas políticas e necesidades. É indispensable, e unha responsabilidade ineludible, que as forzas da esquerda transformadora loitemos pola nosa independencia de clase, deixando claro que por riba das fronteiras físicas, a clase traballadora internacional debe estar concienciada, unificada e organizada, pois vivimos un momento clave da nosa principal e atemporal loita. Non podemos deixarnos seducir polas nebulosas dun asociacionismo oportunista coa burguesía galega co fin de acada-la nosa independencia, xa que só lograriamos mudar de amo mais non racha-las cadeas que a el átannos. Debemos reivindicar a nosa independencia como pobo distinguindo claramente ó noso verdadeiro opresor e non caendo na trampa de rematar converténdonos en aliados de quen nos oprime.

Por todo isto, dende Esquerda Anticapitalista Revolucionaria, chamamos ás organizacións de esquerda, ós movementos sociais e ó resto de sectores populares galegos a manifestarse este 25 de xullo non só pola defensa da Galiza, a súa dignidade e orgullo de pobo, senón polo seu dereito a decidir, a reivindica-la súa realidade de clase obreira e a saír á rúa para loitar por todo-los dereitos roubados, día a día, polos nosos opresores: a burguesía, tanto a española como a galega. É preciso organizarse nos centros de traballo, de estudos, nos nosos barrios xa que tan só a loita será quen de defende-los nosos dereitos.