13501968_794153327385713_1818298652760184000_nO 28 de xuño celébrase o día do orgullo en conmemoración ós disturbios de Stonewall de 1968. Con todo, pasou a ser unha celebración máis coa que o sistema, de novo volve a lucrarse, deixando de lado todo contido político e reivindicativo. Por iso, este día debe ser tan só un máis no que continuemos coa nosa loita diaria, a loita que pretende evitar que hoxe en día as persoas que pertencen ós colectivos LGTBI sigan sufrindo as discriminacións provocadas polo sistema heteropatriarcal.

Na conxuntura actual, atopámonos cun sistema educativo que non dá cabida ás sexualidades e identidades non normativas, e por tanto non pretende acabar coas situacións de acoso dentro das aulas. Ademais, este problema agrávase coa implantación da LOMCE e a segregación do alumnado. Este tipo de discriminación esténdese posteriormente ó mundo laboral, onde as sexualidades diversas escóndense por medo á discriminación ou mesmo ó despedimento.

Por outra banda, no sistema sanitario tampouco se teñen en conta as demandas desta parte da poboación, por exemplo, negando a reprodución asistida ás mulleres lesbianas co obxectivo de evitar que exista un modelo de familia diferente ó tradicional, formado por un home e unha muller. Por tanto, vese como unha vez máis a sexualidade e identidade das mulleres é controlada en beneficio do sistema. Ademais, o persoal parece non estar suficientemente cualificado á hora de cubrir estas necesidades.

Ante esta situación, esiximos a despatologización da transexualidade e a intersexualidade, considerando que existen alternativas ós xéneros binarios impostos polo sistema patriarcal; a cobertura total dos procesos médicos e psicolóxicos sen ningún tipo de exclusión das persoas migrantes; e a eliminación de probas como o test da vida real.

Todas estas situacións de exclusión ás persoas LGTBI teñen o seu máximo expoñente na violencia física, aínda que se fomentan sistematicamente entre os diferentes ámbitos das nosas vidas. Debido a isto, faise máis necesario que nunca loitar contra todo tipo de discriminación e contra a idea de que existe a igualdade. Fronte ó avance das ideas homófobas e patriarcais, en especial nas institucións, debemos organizar unha resposta eficaz nas rúas, coa que manifestar a nosa diversidade e dar voz a todas aquelas persoas oprimidas.
Por iso, continuamos a loita contra o heteropatriarcado capitalista dende as rúas, organizándonos polos dereitos das persoas LGTB dentro da loita feminista!