12790884_737587349708978_8007438766217485515_nHoxe, 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, conmemoramos o asasinato de dous compañeiros en Ferrol. Precisamente un día como hoxe debe continuar sendo un día de loita e de exaltación da nosa condición como clase obreira galega posto que seguimos reivindicando o mesmo corenta e catro anos despois.

En febreiro de 1972, os traballadores do estaleiro de Bazán organizanse ó redor de reivindicacións coma a redución de xornada, eliminación das horas extras obrigatorias, liberdade sindical e dereito a folga. Tras convocar folgas varios días, o 9 de marzo comezan os despedimentos e aperturas de expedientes dos promotores da loita no estaleiro. A reacción dos traballadores ante os despedimentos foi de paro total. Ó día seguinte a empresa decreta o peche e os traballadores continúan a mobilización nas rúas de Ferrol, sumándose ó paro traballadoras e traballadores doutras empresas e estaleiros, comercios e colexios. A intervención das forzas represivas iría dende un buque de guerra na ponte das Pías e os militares acuartelados na cidade ata as rúas tomadas pola Garda Civil e a Policía Armada, quen tras cargar contra os traballadores, e ante a súa resistencia, abren fogo asasinando a Amador Rey e Daniel Niebla e ferindo a moitos outros manifestantes.

Tras corenta e catro anos conmemoramos estes feitos no Día da Clase Traballadora Galega. Corenta e catro anos despois continuamos loitando por practicamente o mesmo que os nosos compañeiros naquel tráxico día: xornada e salario digno, liberdade de expresión, liberdade sindical, prohibición dos despedimentos en empresas con beneficios, nacionalización e control obreiro de toda empresa que peche ou despida; loitamos contra o paro e a precariedade, contra as desigualdades laborais entre homes e mulleres, pedimos: pan, traballo, teito e dignidade. Contra a explotación laboral, contra a represiva lei mordaza.

Dende ESAR queremos facer un chamamento á mobilización para que este 10 de marzo non quede só nun día conmemorativo, recordo daqueles compañeiros. Interpelamos ó conxunto da clase traballadora para que salga á rúa para esixir o dereito a unha vida digna para as traballadoras e traballadores. Precisamos superar as lóxicas do sistema para poder avanzar. Precisamos á clase obreira organizada e combativa que, dende as institucións, pero sobre todo dende a mobilización e a loita, pelexen contra o capitalismo e a súa violencia.

 

VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!!!