Un ano máis, reivindicamos o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller traballadora, e tamén un ano máis sentimos a responsabilidade de denunciar as terribles condicións de vida que padecemos, un ano máis saímos á rúa para loitar contra a violencia á que estamos sometidas no ámbito público e privado.

Cunha situación internacional na que as mulleres de clase traballadora (tanto remuneradas como non remuneradas a través dos traballos reprodutivos e de coidados) seguimos levándonos a peor parte, tanto a nivel social como económico e político, pensamos que a única forma na que podería darse unha situación de equidade entre homes e mulleres sería substituíndo o sistema mesmo no que vivimos. Dende practicamente o noso nacemento, e ó longo de todo o mundo, sométesenos a diario a diversas formas de terror e violencia que nos condicionan para tornarnos dóciles, sumisas e insignificantes. Mutilacións, violacións, malos tratos físicos e psicolóxicos están á orde do día.

Os gobernos crean leis, escasas e insuficientes, para paliar os síntomas que nos afectan, pero a enfermidade da desigualdade segue instalada nas nosas vidas debido ó sistema patriarcal imperante, que por outra banda (non nos enganemos) non deixará de prexudicar ás mulleres só a base de reformas legais. Non debemos esquecer que as crises económicas afectan dunha maneira especialmente cruenta ós membros máis desfavorecidos da sociedade, entre as que sen dúbida atopámonos as mulleres traballadoras. Vivimos nun sistema capitalista no que a igualdade real entre homes e mulleres non é posible, xa que está creado e configurado  para apoiarse no patriarcado e alimentarse del.

Somos nós, as mulleres traballadoras, as que temos os traballos máis precarizados, os peores soldos, a maior temporalidade nos contratos, menor probabilidade de promoción no traballo, a polémica á redor da incompatibilidade  da nosa maternidade co posto de traballo, o maior índice de desemprego… Por non falar das mulleres inmigrantes, que son dos grupos máis vulnerables xa que sofren unha triple discriminación, pois han de afrontar a dura opresión que supón a xenofobia, así coma a condición de ser muller e traballadora.

Está sobradamente demostrado que só aplicando reformas legais non conseguiremos superar a desigualdade se non se acompañan de verdadeiras medidas educativas nos centros públicos de ensino, programas de igualdade efectivos nos centros de traballo, e auténticos plans de integración da muller na vida pública para asegurar a nosa presenza e capacidade de influencia nas institucións e na sociedade, e incluso todo isto só supón un pequeno paso cara ó fin da opresión da muller traballadora xa que, mentres os mercados rexan as nosas vidas e diten as leis, as desigualdades existirán necesariamente.

Desde ESAR queremos facer un chamamento á mobilización para que este 8 de marzo non quede só nun día de lavado de imaxe de concellos e gobernos centrais. Interpelamos ó conxunto da clase traballadora para que salga á rúa para esixir o dereito a unha vida digna para as traballadoras, libre de patriarcado e desigualdade; Precisamos superar as lóxicas do sistema para poder avanzar, o feminismo non pode limitarse só a acougar a conciencia duns poucos ou aumentar os votos doutros. Precisamos un feminismo combativo e organizado que, dende as institucións, pero sobre todo dende a mobilización e a loita, póñase á cabeza das reivindicacións da clase traballadora na súa loita contra o sistema patriarcal e o capitalismo.