Dende Esquerda Anticapitalista Revolucionaria ESAR denunciamos a detención de Mikel Irastorza, membro da dirección de ETA, o pasado sábado por parte da policía francesa (coa axuda da Garda Civil) na localidade gala de Ascain que responde unha vez máis a unha persecución ó mundo independentista vasco. Un acto para o cal as forzas represivas dos estados español e francés non poden alegar delitos de sangue e que reflexa ás claras que ETA é unha cortina de fume para xustificar a persecución ás correntes independentistas. O propio Irastorza foi portavoz do Foro de Debate Nacional, impulsado por diferentes colectivos abertzales, para articular un espazo a favor da independencia.
É evidente que o cesamento da loita armada anunciado por ETA fai cinco anos non evitou que o goberno do PP, co eterno apoio do PSOE e agora tamén co de Ciudadanos, manteña a súa orientación de represión política cara á esquerda abertzale. En Euskal Herria as políticas represivas estatais coma a lei mordaza únense á aplicación sistemática doutras máis concretas, como a chamada Lei antiterrorista e os seus diferentes anexos (Lei Corcuera, Kale Borroka, Lei de partidos, todas as reformas penais) contra toda persoa que milite en organizacións independentistas ou participe en diferentes movementos sociais.
Así pois, debemos unir a detención de Mikel Irastorza ao intento de extradición de Aurore Martin, a detención de militantes de Herrira en Francia a pesar de ser unha organización legal alí, á inhabilitación de Arnaldo Otegi nas pasadas eleccións autonómicas vascas e ás continuas ilegalizacións de organizacións da esquerda abertzale en Euskal Herria e analizalo coma un todo; que a represión de todo o que sexa independentista é a única resposta que dan os gobernos francés e español ao tema da cuestión nacional.
É preciso continuar poñendo enriba da mesa a idea de que a única solución segue sendo política e pasa polo achegamento dos e das presas vascas, e de calquera nación, o dereito dos pobos á autodeterminación: en definitiva, polo recoñecemento dos pobos a decidi-lo seu futuro. Isto é unha cuestión política que debe solucionarse politicamente. O Estado francés e español deixan claro que, a pesar do cesamento da loita armada por parte de ETA, a súa orientación segue sendo a mesma: a represión.
Dende ESAR solidarizámonos con tódolos e tódalas represaliadas políticas, condeamos a actuación represiva dos diferentes gobernos do Estado español e chamamos ao conxunto das organizacións da esquerda a que defendan o dereito de autodeterminación dos pobos visibilizando ese discurso no conxunto do Estado Español e denunciando a política represiva do mesmo.